lunes, 19 de marzo de 2007

O Patrimonio Megalítico da Costa da Morte

As comarcas que conforman a chamada Costa da Morte (Bergantiños, Terra de Soneira, Fisterra, Xallas e Muros) presentan unha gran riqueza en monumentos megalíticos, tanto polo seu elevado número como polo renome de non poucos deles, que nalgún caso xa mereceran a atención de historiadores do século XIX como Manuel Murguía.

Pola súa banda, Eduardo Pondal transformara a calada esfinxe de Dombate nun tótem da cultura galega aceptado por todos, e escollera a arca antiga da Piosa como áulico mausoleo do seu valente guerreiro Brandomil.

Polos anos trinta do século pasado, Georg e Vera Leisner, arqueólogos alemáns, pisaran a cativa herba húmida das gándaras da beira dereita do río Xallas e o mato mesto dos montes de Baíñas, da Piosa e de Treos para darlles sona internacional á Pedra da Arca "do Orbellido", á Arca da Piosa e a Pedra Cuberta.

Xa nos nosos tempos, polos anos setenta a irlandesa Elisabeth Shee converteu a Cousa de Dombate nun enigma (prehistórico) a resolver; polos oitenta, coas escavacións da Mina da Parxubeira (1977-1984) e Dombate (1987-1989), arqueólogos novos galegos contribuíran a situar no mapa do megalitismo europeo o noso senlleiro patrimonio das 'grandes pedras'.

Deste xeito, no "Coloquio Internacional O Neolítico Atlántico e as orixes do Megalitismo" (Santiago de Compostela, 1996), que xuntou os mellores especialistas europeos, foi obrigada unha visita ás antas das Terras de Soneira e Xallas.