lunes, 19 de marzo de 2007

A Casa dos Mouros



É un gran dolmen de corredor situado no límite dos concellos de Vimianzo e Dumbría (A Coruña), aínda que pensamos que pertence ó primeiro deles. A súa denominación induce a confusión, xa que en diversas publicacións e sinais aparece como Pedra da Arca e incluso como dolmen de Regoelle. Acada unha lonxitude total de 7,50 m dos cales 3,80 m pertencen á cámara e o resto ó corredor. Da súa cámara poligonal conserva seis esteos, faltando únicamente o da cabeceira, polo que a primeira vista parece que por este lado está a entrada.
Nembargantes ten unido un corredor de dous tramos, parcialmente tapado pola mámoa, do que se conservan as dúas tampas, de grandes dimensións, ó igual que ocorre coa laxe de cobertura da cámara, probablemente a pedra de maior peso conservada nos megalitos galegos.
Na segunda chanta da cámara, pola dereita, pódense aprecia-los restos dun gravado semellante ó que aparece en Dombate, así como liñas onduladas e dúas manchas de cor vermella.
Unha boa posición para ve-la grandiosidade desta anta é colocarse diante do corredor, para observa-lo ben diferenciado que está en altura respecto á cámara megalítica.